Mil persoas pasaron polo Contador

Máis de 80 contos colectivos construíronse ao longo dos últimos meses en 30 vilas e cidades galegas, no marco do Contador, unha iniciativa posta en marcha pola Secretaría Xeral de Política Lingüística coa colaboración de Eme2, na que participaron activamente arredor de mil persoas.
 
Contador, ideado co obxectivo de promover e impulsar o uso do galego nos espazos públicos, ademais de alentar a improvisación oral e a espontaneidade no noso idioma, converteu as rúas en espazos de a dinamización lingüística nos que veciños e transeúntes colaboraron para construír un conto colectivo.

Co desenvolvemento desta experiencia, constatouse unha ampla diversidade no que atinxe aos contidos e ás idades, xa que se sumaron a ela por igual nenos, mozos e persoas maiores, entre outros grupos de idade.

O percorrido feito polo Contador a través da xeografía galega permitiu gravar ata o momento máis de oitenta contos colectivos. Os participantes amosaron en xeral grandes doses de imaxinación, creatividade e bo humor e, en moitos casos, encheron os relatos de vivencias persoais. A instalación mesmo chegou a San Antón de Louredo, a vila na que se desenvolve a popular serie da Televisión de Galicia Padre Casares e na que os distintos personaxes tamén quixeron construír o seu particular conto.

Na rede
O Contador é unha instalación que ten forma de cubo e no seu interior conta cunha pequena sala equipada cun asento, unha pantalla e os medios necesarios para a gravación dun relato. Cada participante achega unha historia e logo encadéanse todas as narracións para construír un conto colectivo. Unha vez xuntados todos os retallos, a peza final pódese visualizar a través da páxina web www.galegoelogo.com. O formato do Contador inspírase nunha técnica literaria denominada “cadáver exquisito”, segundo a cal cada participante toma como única referencia as últimas palabras do participante anterior.

Desde a súa posta en marcha en marzo pasado, o Contador fixo escala en 28 vilas e cidades galegas que, sumadas ás de Sada e Cedeira, fan un total de 30 concellos. A iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística visitou nos últimos tres meses os municipios de Santiago, A Estrada, Ames, Padrón, Ordes, Lugo, Vilalba, Burela, Foz, Monforte, Vigo, Redondela, Cangas, Redondela, Tui, Vilagarcía, Boiro, Ourense, O Carballiño, O Barco, Xinzo, A Coruña, Carballo, Malpica, Betanzos, Vimianzo, Ferrol, Narón, Sada y Cedeira.

Eme2,emoción&arte | 0034 981 534 134 | emedous@emedous.com | RSS | Desenvolvemento web por