Os mozos e mozas de 12 a 18 anos foron, entre outubro do 2010 e maio do 2011, os destinatarios de Detrás da canción, o proxecto de dinamización lingüística co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a empresa Eme2 promoveron o uso do galego entre os máis novos a través da música e a tecnoloxía. A iniciativa consta dun obradoiro de música caseira e dun concerto acústico que percorreu, no marco do programa Bocaberta, 50 localidades galegas.
Os obradoiros de Detrás da canción permiten aos asistentes coñecer as ferramentas básicas para compoñer, gravar e compartir unha canción de pop, con materiais asequibles e programas facilmente manexables. Esta parte da iniciativa foi dirixida por Carlos Valcárcel, alma máter do grupo de pop electrónico Projecto Mourente.
Concerto acústico de The Homens
A actividade complétase cun concerto acústico do grupo de pop galego The Homens, que desde o ano 2004 editou dous EP e outros tantos LP nos que combina a melodía pop coa furia do punk e os retrousos cantables.
Para o desenvolvemento desta actividade, a Secretaría Xeral de Política Lingüística contou co apoio da Secretaría Xeral de Medios.
Bocaberta: 747 actividades por toda Galicia
Ademais desta iniciativa o programa Bocaberta 2010-2011 abrangue outras moitas temáticas, como a banda deseñada, a maxia, as novas tecnoloxías, os monicreques, a animación á lectura ou a expresión oral. En total, foron 747 actividades as realizadas en colaboración con 14 empresas, co obxectivo principal crear espazos de uso e aprendizaxe do galego vencellados ao lecer, á modernidade e aos intereses dos nenos e dos mozos, co fin de promover unha imaxe positiva do idioma e sensibilizar sobre a utilidade e o valor do idioma propio de Galicia.
Eme2, tamén na comunicación
Eme2 tivo tamén a ocasión de colaborar con este programa no eido da comunicación, prestándolle os servizos de gabinete de prensa e elaboración de pezas gráficas e audiovisuais.