#6 entradas na categoría "probas"

Premios para Kukai e Tanttaka nos Max e para Excéntricas nos María Casares

Mércores, 01 Abril de 2009

O espectáculo Hnuy Illa, das compañías vascas Kukai e Tanttaka, distribuído por Eme2 Emoción&Arte, recibiu o luns o premio Max ao espectáculo revelación da pasada temporada. Trátase dun fermoso percorrido polos poemas de Joseba Sarrionandia, acompañado pola composición musical de Iñaki Salvador e a coreografía de Jon Maya, con guión e dirección de Mireia Gabilondo. Felicidades polo galardón e, sobre todo, polo estupendo traballo!

Entretanto, o espectáculo Obra (No comment), de Producións Teatrais Excéntricas, que distribúe Eme2 Emoción&Arte, recolleu a pasada semana dous premios María Casares, que entrega a Asociación de Actores e Actrices de Galicia ao mellor da temporada. Vítor Mosqueira foi galardoado como mellor actor, mentres que Suso Alonso recolleu  a xerra conmemorativa como autor da mellor música orixinal. Desde aquí queremos felicitar a todos os galardoados, en especial a Teatro do Atlántico, que viu como Unha primavera para Aldara lle reportaba sete María Casares. Parabéns!

Eme2, na edición galega de El País

Xoves, 19 Febreiro de 2009


A edición galega do diario El País publicou o pasado domingo 8 unha peza sobre Eme2 Emoción&Arte, incluída dentro dunha ampla reportaxe sobre a situación do sector cultural na lexislatura política que agora remata. No artigo trátanse temas como a situación actual da produción e da distribución no ámbito das artes escénicas galegas. Podedes consultar a parte referida a Eme2 picando aquí, e o resto da reportaxe a través deste enlace.

Espectáculos de Eme2 abertos a contratación na Rede Cultural da Deputación da Coruña

Xoves, 19 Febreiro de 2009

Desde Eme2 Emoción& Arte queremos informarvos de que contamos con catro espectáculos abertos a contratación dentro da Rede Cultural da Deputación da Coruña 2009. Para máis información sobre Obra, de Producións Teatrais Excéntricas; Sempre ao lonxe, de Mofa e Befa; e Jiñol e Bolboreta, de Trompicallo, non dubidedes en pórvos en contacto co noso departamento de distribución.

 

 

 

Aberta a contratación para os próximos meses dos espectáculos que distribúe Eme2

Martes, 17 Febreiro de 2009

Xa está aberta a contratación para os próximos meses dos espectáculos que distribúe Eme2 Emoción & Arte, unhas propostas que conseguiron gran repercusión na pasada Feira Galega das Artes Escénicas. Desta vez, Eme2 aposta por levar a calidade ás programacións destinadas a públicos infantís, con espectáculos como Bolboreta, de Títeres Trompicallo; Ó son das cousas, de Sapristi; e Unha de amor, de Artello Teatro alla Scalla 1?.


Bolboreta foi un dos espectáculos triunfadores na Feira das Artes Escénicas. A última creación de Títeres Trompicallo,  que actualmente está xirando xa por toda Galicia e na Rede da Comunidad de Madrid, foi contratada para 27 funcións máis en Castilla-La Mancha e en Euskadi.

Creado e interpretado por Luís González e Marián González, explora en clave de humor o tema do medo infantil. Bolboreta narra a historia dun monstro peludo, un rei egoísta e unha nena valente, capaz de vencer todos os obstáculos para salvar aos seus seres máis queridos. A representación que levou a cabo Trompicallo dentro da programación da Feira do Teatro foi unha das máis vistas e mellor valoradas polos asistentes á xuntanza.

Tamén está dispoñible para contratación Ó son das cousas, de Sapristi, outro dos espectáculos mellor recibidos na Feira. Nesta creación para público infantil, a compañía formada por Patricia Vázquez e Nuria Sanz conta a historia de Sara e Berta, dúas buscadoras e recolectoras de sons. A interacción das personaxes, os sons, o espazo e algúns obxectos permiten que o público obteña unha mirada lúdica e sonora do mundo e do seu propio universo.

Por outra banda, a compañía Artello Teatro alla Scala 1? segue representando Unha de amor, a obra coa que conseguiron o premio á mellor posta en escena en FETEN'99.  O espectáculo narra a historia do temor que senten os animais dunha pequena vila polo Gato Gaiado. Coa chegada da Primavera, unha andoriña nova e ousada consegue o nunca visto: ante o estupor de toda a veciñanza, o Gato Gaiado sorrí. A partir dese momento, desenvólvese unha relación entre o Gato e a Andoriña.

 

 

Eme2 deseña a cartelería do espectáculo 'La familia del chivo Froilán'

Martes, 17 Febreiro de 2009

O departamento de comunicación de Eme2 Emoción&Arte vén de realizar o deseño da cartelería do espectáculo La familia del chivo Froilán, de La Tentazión-Arriabala. A obra, escrita por Jesús Bonilla e Joaquín Andújar, dirixida por Carlos Zabala e protagonizada por María Garralón, Janfri Topera, Carmen Vicente-Arche e Martxelo Rubio, é unha “traxicomedia rural e patética” que describe a vida dos descolgados do primeiro mundo.

 

La familia del chivo Froilán podería ser unha historia de princesas e de galantes cabaleiros, pero non o é: aquí só hai un año, una preciosa dama que cantou coma os anxos nun karaoke, un Mercedes 600 que non funciona, un cabreiro sen luces, unha avoa sen querer, un pícaro galán trasnoitado e un tren que xa non pasa.

 

A Compañía Pepe Hevia estrea ‘Odonata’ en Barcelona

Martes, 17 Febreiro de 2009

A Compañía Pepe Hevia, distribuída por Eme2 Emoción&Arte, presentará a semana que vén en Barcelona Odonata, un novo espectáculo que, a través da imaxe da transformación da libélula, fala da vida, das súas dificultades e dos seus instantes de plenitude. A obra conta coa participación dos bailaríns Mauro Barahona, Viviana Boronat, Danay Hevia, Pepe Hevia, Ona Ortiz, Marta Pardos e Sònia Romá, e as músicas de Marise Cardoso, Stijn Goavaere, Johann Johansson, Murcof, GoldFrapp, e represéntase os días 24, 25, 26 e 27 de xaneiro no Sant Audreu Teatre barcelonés.

Odonata é unha obra escénica que fusiona a danza coa música e o videoarte para falar do instinto animal que todos posuímos e que nos impulsa a loitar, a continuar, a cambiar, a pesar de que no cambio se poida atopar o fracaso. Pepe Hevia inspírase no comportamento biolóxico da libélula para falar da transformación do individuo ao longo da súa existencia e a loita de adaptación que sofre a libélula por conseguir o seu soño: ter ás para voar.

Eme2,emoción&arte | 0034 981 534 134 | emedous@emedous.com | RSS | Desenvolvemento web por