Eme2 Emoción&Arte estreará mañá venres 16 de abril, nas Pontes de García Rodríguez (21.00h., Cine Alovi) e en colaboración co Concello pontés, o espectáculo Sexo? Por que non?, baseado nos textos de Dario Fo, Franca Rame e Jacopo Fo. Con Mercedes Castro sobre as táboas e baixo a dirección de Álvaro Lavín, Sexo? Por que non? é unha comedia trepidante na que desde Adán e Eva ata os nosos días se mostran situacións cotiás en torno ao encontro carnal e ao pouco que del sabemos na sociedade occidental.
O espectáculo pregúntase por que, se o sexo é algo tan central nas nosas vidas, case nunca falamos del máis que desde os complexos e o estereotipo, e faino fuxindo do chiste fácil e do bombardeo pornográfico. Un grupo de novos creadores, comandado por Lavín e Castro, faise cargo da parte artística desta aposta de Eme2, que empezará a xirar xusto despois da súa estrea. A contratación, xa aberta, pode facerse a través de Julio Perugorría (609 457 575 / 981 534 134 e administracion@emedous.com).