O espectáculo Hnuy Illa, das compañías vascas Kukai e Tanttaka, distribuído por Eme2 Emoción&Arte, recibiu o luns o premio Max ao espectáculo revelación da pasada temporada. Trátase dun fermoso percorrido polos poemas de Joseba Sarrionandia, acompañado pola composición musical de Iñaki Salvador e a coreografía de Jon Maya, con guión e dirección de Mireia Gabilondo. Felicidades polo galardón e, sobre todo, polo estupendo traballo!
Entretanto, o espectáculo Obra (No comment), de Producións Teatrais Excéntricas, que distribúe Eme2 Emoción&Arte, recolleu a pasada semana dous premios María Casares, que entrega a Asociación de Actores e Actrices de Galicia ao mellor da temporada. Vítor Mosqueira foi galardoado como mellor actor, mentres que Suso Alonso recolleu a xerra conmemorativa como autor da mellor música orixinal. Desde aquí queremos felicitar a todos os galardoados, en especial a Teatro do Atlántico, que viu como Unha primavera para Aldara lle reportaba sete María Casares. Parabéns!