Santiago de Compostela, 20 febreiro de 2012. Sexo? Por que non?, o espectáculo de Eme2 protagonizado por Mercedes Castro e dirixido por Álvaro Lavín, volve a Santiago de Compostela case despois de dous anos e tras unha xira exitosa de medio cento de funcións por Galicia e o resto de España. A adaptación ao galego deste texto de Dario Fo, Franca Rame e Jacopo Fo, toda unha lección maxistral da importancia do sexo nas nosas vidas, estará no Teatro Principal compostelán o venres 24 e o sábado 25 ás 21.00h, e o domingo 26 ás 20.00h. As entradas xa están á venda en entradas.novagaliciabanco.com.
Con Mercedes Castro sobre as táboas e baixo a dirección de Álvaro Lavín, o espectáculo é unha comedia trepidante na que desde Adán e Eva ata os nosos días se mostran situacións cotiás en torno ao encontro carnal e ao pouco que del sabemos na sociedade occidental. A obra pregúntase por que, se o sexo é algo tan central nas nosas vidas, case nunca falamos del máis que desde os complexos e o estereotipo, e faino fuxindo do chiste fácil e do bombardeo pornográfico. Un grupo de novos creadores, comandado por Lavín e Castro, faise cargo da parte artística desta aposta de Eme2.