O florido pénsil represéntase no Barco de Valdeorras e en Ferrol esta fin de semana

Luns, 13 Febreiro de 2012

 

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2012.- O florido pénsil, o espectáculo de Emedous sobre a escola do franquismo que revolucionou o ano pasado o panorama teatral galego, representarase o venres e o sábado no Barco de Valdeorras e en Ferrol, respectivamente. A obra volve aos escenarios en  2012 tras pechar 2011 cun rexistro de 12.000 espectadores en 23 funcións, e está protagonizada por cinco dos mellores actores da escena galega: Antonio Durán Morris, Xosé Manuel Olveira Pico, Josito Porto, Alfonso Agra e Federico Pérez poñen cara ás vivencias entre cómicas, duras e tenras dun grupo de rapaces na escola do franquismo.

Horarios

O florido pénsil poderá verse no teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras o próximo venres 17 ás 21.00 horas. Mentres, a representación ferrolá terá lugar no teatro Jofre o sábado 18 ás 20.30 horas.

O cartel de aforo completo foi unha constante na primeira xira de O florido pénsil. A proposta, que adapta o galego un texto de Andrés Sopeña e dirixen Fernando Bernués e Mireia Gabilondo, tivo mesmo que habilitar datas suplementarias en varios teatros para satisfacer a petición do público. Para a súa produción Emedous contou coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e co apoio do Centro Dramático Galego.

O florido pénsil conta as vicisitudes dun grupo de rapaces sometidos á absurda e ilóxica brutalidade do sistema educativo que dominou a España da posguerra. A través dos seus protagonistas descóbrese un fresco no que se suceden as tribunas desde as que o franquismo aleccionaba á poboación: en primeiro lugar, a escola, centro de operacións fundamental para a propaganda do ideario fascista; máis tarde, o cinema de barrio, a radio familiar, a igrexa e a prensa. Pola obra pasan heroes das películas, mestres casposos, mozos máis ou menos espabilados, Roberto Alcázar, o NO-DO, o Tebeo e os curas.

O texto foi adaptado por Sandra Romarís, Emilio Cao e Xocas López para Eme2 para a súa posta en escena en galego, acomodándoo tamén ás especificidades da época en Galicia.

O elenco

Para levar ás táboas O florido pénsil, Eme2 reuniu a cinco dos mellores actores da escena galega. Xosé Manuel Olveira Pico é un dos rostros máis recoñecibles da profesión, con vinte montaxes do Centro Dramático Galego (CDG), innumerables obras de teatro e a participación en series televisivas do éxito de Mareas vivas ou o Padre Casares. No seu haber conta con tres premios María Casares.

Pola súa banda, Antonio Durán Morris, coñecido en todo o país polo seu papel de Cuñado en Pratos combinados e de Alcalde en Padre Casares, dous dos seriais máis exitosos da historia da televisión galega, participou tamén en numerosos espectáculos teatrais, coma o Enfermo imaxinario do CDG, nas súas primeiras temporadas.

Federico Pérez, o máis novo, fíxose coñecido pola súa interpretación de Josito na serie Padre Casares, e participou en películas como 18 comidas. Tamén coñecido polos seus traballos televisivos, nomeadamente en Pratos combinados, é Josito Porto, que conta cun María Casares por Sexismunda. Mentres, Alfonso Agra participou en numerosas montaxes do CDG (do Incerto señor don Hamlet a Woycek), múltiples espectáculos teatrais desde os anos oitenta, media ducia de longametraxes cinematográficos e series televisivas da importancia de Libro de familia ou Mareas vivas.

A dirección

Fernando Bernués e Mireia Gabilondo son unha parella de directores vencellados á compañía vasca Tanttaka. Os dous teñen impulsado en conxunto ou por separado numerosas montaxes de xéneros ben distintos. Mais alá do teatro, Gabilondo destaca polas súas direccións dos espectáculos de danza da compañía Kukkai, renovadora da danza tradicional vasca. Bernués ten dirixido numerosas compañías e numerosos actores en todo o Estado, e a súa unión con Galicia vén a través de Manuel Rivas, de quen dirixiu A man dos paíños.

 

Tags:

[0] Comentarios

Comentar

* Para notificacións, nunca será visible
 
Eme2,emoción&arte | 0034 981 534 134 | emedous@emedous.com | RSS | Desenvolvemento web por