Eme2 pon en escena o domingo en Narón a versión galega de Kafka e a boneca viaxeira

Venres, 27 Xaneiro de 2012

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro do 2012. Eme2 Emoción&Arte porá en escena este domingo ás 18.00 horas, no Auditorio Municipal de Narón, a versión galega de Kafka e a boneca viaxeira, un espectáculo infantil baseado nunha novela de Jordi Sierra i Fabra baseado nunha historia real da vida do autor checo. Con Xosé Manuel Olveira Pico, Rocío González e Lucía Regueiro sobre as táboas, a proposta realízase simultaneamente en galego, euskera, catalán e valenciano, nunha novidosa fórmula de produción na que a distribuidora compostelá comparte protagonismo coas compañías Albena Teatre e Tanttaka. O espectáculo está dirixido a un público de sete anos en adiante.

O texto baséase nunha historia real acontecida a Franz Kafka un ano antes da súa morte. Paseando por un parque de Berlín, o autor atopou unha nena que choraba desconsolada porque perdera a súa boneca. Para calmar a pequena, Kafka contoulle que a boneca marchara de viaxe, e el, convertido en carteiro, tiña unha carta que lle levaría ao día seguinte ao parque. Durante tres semanas, o escritor checo estivo escribindo e levando cartas á mociña, narrando as peripecias da extraordinaria boneca deste todos os rincóns do mundo.

Versión galega

Para a versión galega de Kafka e a boneca viaxeira, Sandra Romarís,  Emilio Cao e Xocas López adaptaron o texto orixinal  de Jordi Sierra i Fabra, Premio Nacional de Literatura no 2007, teatralizado por Guillem J. Graells. Baixo a dirección de Cristina Domínguez e Fernando Bernués, o espectáculo conta cun elenco de caras moi coñecidas no teatro galego. Xosé Manuel Olveira Pico, que na montaxe interpreta a Kafka, é un dos rostros máis recoñecibles da profesión, con vinte montaxes do Centro Dramático Galego (CDG), innumerables obras de teatro e a participación en series televisivas do éxito de Mareas vivas ou o Padre Casares. Rocío González, que exerce de Elsie na obra, traballou para o Centro Dramático Galego e outras compañías galegas. Pola súa banda, Lucía Regueiro, que interpreta a Dora, traballou con Teatro do Atlántico e na serie televisiva Libro de Familia, da TVG.

Coprodución

Con Kafka e a boneca viaxeira Eme2 inaugura unha fórmula de produción na que compañías de tres autonomías suman forzas. A montaxe levarase a cabo nas catro linguas oficiais do Estado, compartindo escenografía e parte do equipo artístico.

Tags:

[0] Comentarios

Comentar

* Para notificacións, nunca será visible
 
Eme2,emoción&arte | 0034 981 534 134 | emedous@emedous.com | RSS | Desenvolvemento web por