Eme2 estrea esta fin de semana na Coruña a versión galega de Kafka e a boneca viaxeira

Mércores, 18 Xaneiro de 2012

 

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro do 2012. Eme2 Emoción&Arte estrea esta fin de semana na Coruña a versión galega de Kafka e a boneca viaxeira, un espectáculo infantil baseado nunha novela de Jordi Sierra i Fabra baseado nunha historia real da vida do autor checo. Con Xosé Manuel Olveira Pico, Rocío González e Lucía Regueiro sobre as táboas, a proposta realízase simultaneamente en galego, euskera, catalán e valenciano, nunha novidosa fórmula de produción na que a distribuidora compostelá comparte protagonismo coas compañías Albena Teatre e Tanttaka.

Funcións
Kafka e a boneca viaxeira inicia a súa andaina o venres 20 no Fórum Metropolitano da Coruña, con funcións ás 10.00 e ás 12.00 horas. No mesmo escenario repetirá o sábado 21 (ás 19.00 horas) e o domingo 22 (ás 17.30 horas). Xa o día 29 haberá función no Auditorio Municipal de Narón ás 18.00 horas. O espectáculo está dirixido a un público de sete anos en adiante.

O texto baséase nunha historia real acontecida a Franz Kafka un ano antes da súa morte. Paseando por un parque de Berlín, o autor atopou unha nena que choraba desconsolada porque perdera a súa boneca. Para calmar a pequena, Kafka contoulle que a boneca marchara de viaxe, e el, convertido en carteiro, tiña unha carta que lle levaría ao día seguinte ao parque. Durante tres semanas, o escritor checo estivo escribindo e levando cartas á mociña, narrando as peripecias da extraordinaria boneca deste todos os rincóns do mundo.

Versión galega
Para a versión galega de Kafka e a boneca viaxeira, Sandra Romarís,  Emilio Cao e Xocas López adaptaron o texto orixinal  de Jordi Sierra i Fabra, Premio Nacional de Literatura no 2007, teatralizado por Guillem J. Graells. Baixo a dirección de Cristina Domínguez e Fernando Bernués, o espectáculo conta cun elenco de caras moi coñecidas no teatro galego. Xosé Manuel Olveira Pico, que na montaxe interpreta a Kafka, é un dos rostros máis recoñecibles da profesión, con vinte montaxes do Centro Dramático Galego (CDG), innumerables obras de teatro e a participación en series televisivas do éxito de Mareas vivas ou o Padre Casares. Rocío González, que exerce de Elsie na obra, traballou para o Centro Dramático Galego e outras compañías galegas. Pola súa banda, Lucía Regueiro, que interpreta a Dora, traballou con Teatro do Atlántico e na serie televisiva Libro de Familia, da TVG.

Coprodución
Con Kafka e a boneca viaxeira Eme2 inaugura unha fórmula de produción na que compañías de tres autonomías suman forzas. A montaxe levarase a cabo nas catro linguas oficiais do Estado, compartindo escenografía e parte do equipo artístico.

 

Tags:

[0] Comentarios

Comentar

* Para notificacións, nunca será visible
 
Eme2,emoción&arte | 0034 981 534 134 | emedous@emedous.com | RSS | Desenvolvemento web por