Santiago de Compostela, 21 de marzo do 2011. Eme2 Emoción&Arte prosegue coa xira en castelán de Tengamos el sexo en paz, que se estreara en galego no mes de outubro en galego baixo o título Sexo? Por que non? A adaptación ao español deste texto de Dario Fo, Franca Rame e Jacopo Fo, interpretada por Mercedes Castro, foi vista xa por preto de 3.000 espectadores nas súas primeiras once representacións.
No que vai de mes, Eme2 percorreu con Tengamos el sexo en paz os teatros de Euskadi e Andalucía. Proximamente hai funcións programadas en Berriz (Kultur Etxea, 26 de marzo), Santurtzi (Serantes Kultur Aretoa, 1 de abril) e Guadalajara (Teatro Moderno, 29 de abril). A cifra de espectadores nestas tres primeiras semanas de representación supera os 2.700, con teatros nos que se rebasaron amplamente as 400 entradas vendidas.
Con Mercedes Castro sobre as táboas e baixo a dirección de Álvaro Lavín, o espectáculo é unha comedia trepidante na que desde Adán e Eva ata os nosos días se mostran situacións cotiás en torno ao encontro carnal e ao pouco que del sabemos na sociedade occidental. A obra pregúntase por que, se o sexo é algo tan central nas nosas vidas, case nunca falamos del máis que desde os complexos e o estereotipo, e faino fuxindo do chiste fácil e do bombardeo pornográfico. Un grupo de novos creadores, comandado por Lavín e Castro, faise cargo da parte artística desta aposta de Eme2.